Ramón Oviedo Millares

O mellor anfitrión que marchou antes de tempo

Familia Oviedo Creo

Só de maneira formal ou no traballo era Ramón, porque todo o mundo o coñecía como Moncho do Obre, a parroquia de Noia onde naceu e a onde sempre se sentía orgulloso de pertencer. Foi o pequeno de tres irmáns dunha familia na que lle inculcaron o valor do traballo e do esforzo, e de aí viña a súa entrañable personalidade. Porque Moncho era un home que posuía unha xenerosidade ao alcance de poucos, disposto sempre a axudar ou a sacarlle un sorriso a todo o mundo.

Desenvolveu toda a súa carreira profesional na mariña mercante na mesma empresa ata que se xubilou, e sempre foi un profesional moi valorado e moi querido polos seus compañeiros, cos que forxou grandes amizades. Persoa con carácter, íntegro e moi amigo dos seus amigos, para el a súa familia era o máis importante e o piar fundamental, e nunca dicía que non a unha festa con eles. De feito, caracterizábase por ser o mellor anfitrión, un gran disfrutador das relacións e celebracións sociais, onde a súa presenza se facía notar. 

Ademais, era coñecido polas súas dotes culinarias, que comezou a practicar cando estaba embarcado, e que logo foi perfeccionando. Boa proba desta afección polos fogóns era a súa exquisita tortilla, esa que facía nun vira vira para os netos e afillados. Era dos que, se tiña dez para comer, el facía para 35, porque Moncho era un bo anfitrión, o mellor, con don de xentes. E porque o seu enorme corazón facíao ser así. O San Ramón era o seu día, e con todos os amigos montaban a romaría. Era a súa xuntanza por excelencia e el sempre chegaba ao final do día afónico, porque aínda que non cantaba moi ben, facíalle os coros ao resto.

Pero non todo foron festas na vida de Ramón, que tamén viviu malos momentos, sobre todo na época da súa xubilación, tendo por largos períodos a súa muller no hospital e a súa sogra encamada na casa. El fixo acto da súa nobreza e forma de ser, alimentando aos que o rodeaban con eses valores que tanto o caracterizaban e que serven de exemplo aos que teñen que coller o seu legado. Coidou de ámbolos dous dunha forma incansable, deixándoo todo de lado e liderando a toda a familia, de tal forma que o resto dos familiares non viron truncado o seu día a día máis que o estritamente indispensable, chegando así ata o límite das súas forzas, forzas que non lle chegaron para sobrepoñerse a este virus.

Era un home de principios e fiel a si mesmo, porque onde non se lle vía, ¡oíaselle!, barulleiro e encantador, alá onde fora sabía estar a altura das situacións. Tiña un falar característico, sempre entre bromas, e non podía deixar acabar unha frase sen o seu pillo comentario inofensivo e cargado de sentimento e valores. Como anécdota, pódese contar que as traballadoras do supermercado que visitaba habitualmente, «un dos que mais vende de toda Galicia», botárano en falta neste tempo, xa que cando ía á compra non quedaba ningunha compañeira á que non se referira con cariñosas e graciosas palabras. Era capaz de roubar un sorriso no peor dos momentos, porque Moncho era así, encontrábaste con el e quitábache as penas con alegría. 

Unha das súas debilidades eran os nenos, que estaban ao seu redor e adorábano, e querían ter ese vínculo especial ata o punto de chamarlle tío Moncho. El saudábaos co seu característico: «Hola amigo», «hasta luego, amigo». 

Con esta personalidade é normal que os seus amigos da infancia, os compañeiros de traballo e, en xeral, todos aqueles que chegaron a coñecelo e a poder gozar del o recorden con especial cariño, sintan a súa perda e destaquen a boa persoa que era e a súa alegría de vivir. A súa ausencia é moi difícil de asumir, xa que deixa un baleiro moi grande. Difícil de igualar e imposible de esquecer. Es un orgullo para todos os que tivemos o pracer de coñecerte!