Claudio Alberto Torres Troncoso

Claudio Alberto Torres Troncoso

Claudio Torres, Claudio o canteiro, como todo o mundo o coñecía na súa terra, en Vilalonga, era un home tan feito a si mesmo que facía música co que quería, mesmo coas follas do limoeiros, coas que tocaba na escola infantil do seu neto. Claudio, que morreu con coronavirus, tivo que aprender por si só dende moi cativo. Nacera en Meaño e, aos seis anos, xa era orfo de pai e nai. Marchou entón a vivir cunha irmá e co cuñado a Cambados, onde moi noviño se empregou nunha fábrica de ladrillos. Tamén moi pronto, colleu a maleta cara Bilbao, para traballar nos altos fornos. Volveu a Galicia e coñeceu á súa muller e xuntos volveron camiñar cara a emigración. Estiveron uns anos en Suíza buscando porvir e, cando puideron, voaron ata Vilalonga, onde fixeron a súa vida. El fíxose canteiro, de aí o alcume. Pero tamén cantante. Chegou a cantar na orquestra Gran Vitoria e, mentres facía arte coas súas mans na pedra e lle ensinaba o oficio ao seu fillo, nunca deixaba de entoar algunha canción galega. «¡Era tan alegre!», di o seu fillo. Sufría apneas, pero iso non lle impedía ter unha xubilación totalmente activa, converténdose nun puntal para corais e grupos de música galega. A Claudio, o coronavirus colleuno coas defensas baixas. Levárono ao hospital de Pontevedra o 19 de marzo e morreu o 25. Os seus netos, aos que custou dicirlles que o avó non volverá á casa, buscan agora en que estrela do ceo habita Claudio, o canteiro. Seguro que está na máis cantareira. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*